O Grupo de Traballo Orca Atlántica-GTOA publica o catálogo de identificación fotográfica das candorcas ibéricas, no ámbito do proxecto FRIENDSHIP-ORCA, un material moi agardado por todos os membros, despois de máis de dous anos de elaboración.
Material gráfico de orixe
Neste catálogo preséntanse as candorcas rexistradas nas augas da Península Ibérica nos últimos anos. As fotografías foron recollidas e transferidas por máis de 29 entidades, entre elas empresas de avistamento de baleas no Estreito de Xibraltar e Algarve, así como imaxes de campañas científicas do CEMMA e contribucións de máis de 27 individuos tanto da zona do Estreito como de avistamentos oportunistas en outras áreas.
Información básica
Analizáronse 21.000 imaxes, das que se seleccionaron 231, que forman a parte central deste catálogo e que definen un total de 66 individuos divididos en 6 comunidades, das que un máximo de 49 pódese dicir que seguen vivas. Aínda que hai algúns individuos, sen comunidade asignada, que seguramente son transitorios na península, polo que non deben ser contabilizados como pertencentes á subpoboación de candorcas ibéricas. Polo tanto, o censo actual de 2023 desta subpoboación consta de polo menos 37 individuos, dos cales só 18 son considerados adultos. En xeral, as comunidades obsérvanse ao longo de toda a costa atlántica ibérica, aínda que algunhas comunidades só se ven no Estreito e no sur de Portugal.
Identificación e clasificación
Para a identificación de cada individuo utilizáronse todas as súas partes características. Normalmente as partes máis fáciles de fotografar son a aleta dorsal e o patrón situado detrás da aleta dorsal, denominado “sela”, xa que son as partes que permanecen máis tempo fóra da auga. Ademais, utilizouse a mancha ocular, así como outros elementos distintivos como as erosións presentes nos laterais e no lombo, que son provocados polos dentes doutras candorcas. A cada individuo asignouse un número de identificación único (ID) composto pola letra da súa comunidade (baseada en relacións xenealóxicas coñecidas, ou animais vistos xuntos durante varios anos) seguida de tres díxitos.
Consideración legal
O traballo foi centralizado e desenvolvido pola doutora Ruth Esteban, especialista na especie. Os dereitos de autor, propiedade intelectual e autoría das imaxes deste catálogo pertencen aos seus autores, polo que non poden ser utilizadas individualmente sen a súa autorización expresa. O catálogo no seu conxunto, a súa referencia e as súas placas están baixo unha licenza Creative Commons Atribución-CompartirIgual 3.0 Unported. Pode ser consultado e descargado en: https://www.orcaiberica.org/catalogo. Seleccionando CATALOGO FOTOID2023, disponible en idioma: español, inglés e galego, será incluido proximamente en portugués e francés.
Proxecto FRIENDSHIP-ORCA
Este catálogo desenvolveuse grazas ao proxecto FRIENDSHIP-ORCA, un proxecto desenvolvido pola CEMMA-GTOA e financiado pola Fundación Banco Santander, co obxectivo de contribuír á información e proxección social das candorcas e a súa problemática.
Comments