O pasado venres 27 de xaneiro reuníronse un grupo de artistas no Museo de Historia Natural-MHN da Sociedade de Historia Natural-SGHN de Ferrol, co obxectivo de absorber información á hora de xerar materiais divulgativos sobre mamíferos mariños e o mar.
O proxecto Friednship-orcas, realizado pola Coordinadora de Estudios de Mamíferos Marinos-CEMMA e o Grupo de Traballo Orca Atlántica-GTOA, está financiado pola Fundación Santander, sendo os promotores desta iniciativa.
Museo de referencia no medio mariño
O MHN-SGHN de Ferrol é na actualidade un referente museístico e interpretativo do medio mariño a nivel europeo. A instalación, responsabilidade da SGHN en colaboración co Concello de Ferrol, conta na actualidade cunha das coleccións de exemplares, restos óseos e modelos interpretativos de animais mariños máis importantes a nivel europeo. Ademais de contar con exemplares de tiburóns, luras xigantes e unha morea de esqueletos completos de cetáceos, conta cunha colección de maquetas, reflexo de exemplares reais, todo presidido por un inmenso esqueleto de balea común de 18 metros. A colección fai que teña repercusión e importancia a nivel dos máis importantes museos naturalistas europeos, aínda modesta, pero sen restarlle importancia ás coleccións. Estes materiais serven de guía e inspiración para a documentación xerada polos artistas.
O equipo
Sete artistas formaron parte do equipo: Pepe Carreiro, debuxante e ilustrador, creador dos personaxes dos Bolechas. Emma Ríos, debuxante con proxección internacional. Manel Craneo debuxante, ilustrador e editor, creador da detective ambiental Carmela Orzán. Sara Bermúdez, debuxante e ilustradora de xogos dixitais e de rol. Víctor Tizón, debuxante e ilustrador. Tokio, debuxante e ilustrador científico. Aldán López actor, director de teatro e xestor cultural.
Ademais, contaron coa coordinación, orientación e asesoramento de Mónica González, bióloga da CEMMA e de Xan Silvar, biólogo e coordinador da SGHN de Ferrol.
Actividade
A actividade consistiu nunha conferencia expositiva sobre a importancia dos mamíferos mariños en Galicia, presentación das liñas básicas do proxecto e previsión dos materiais a xerar, que consistirá nunha historia dos Bolechas, un especial de Carmela Orzán-DMA. e varias ilustracións que se incluirán na revista Salseiro editada por CEMMA Ademais, deseñaranse actividades para realizar en obradoiros que se desenvolverán entre o segundo semestre de 2023 e 2024 entre Bidasoa e o Estreito de Xibraltar. Unha vez rematada a xornada, os autores comezarán o seu traballo, que se desenvolverá entre febreiro e maio, antes de pasar á produción e edición.
Multidisciplinariedade xeracional
Esta iniciativa pioneira pretende proxectar a importancia dos mamíferos mariños e o labor de conservación das especies e do medio ambiente na sociedade, para que a información estea dispoñible e provoque un cambio de actitudes e habilidades. Para iso, implicouse un equipo multidisciplinar, que abrangue a ilustración, o cómic e a expresión artística teatral, así como autores de distintas xeracións, desde ilustradores consolidados de proxección internacional ata ilustradores novos no ámbito dixital.
Comments